Ao son da nova regueifa, o filme finalista na categoría de Mellor documental dos XXIV Premios Mestre Mateo, continúa a súa traxectoria pública con dúas novas proxeccións abertas ao público esta semana.
A primeira delas terá lugar mañá, mércores 18 de febreiro, ás 19.00 nos Cines Códex de Lugo, dentro do ciclo organizado pola Academia Galega do Audiovisual para dar a coñecer as longametraxes e documentais finalistas desta edición. A sesión será de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade da sala.
A cita está concibida como algo máis ca unha simple proxección. O público poderá participar nun coloquio posterior co equipo do filme e con persoas protagonistas da propia historia da regueifa, como as regueifeiras Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, xunto co director Manolo Maseda. A actividade completarase cunha pequena actuación musical, reforzando o carácter colectivo e vivo da proposta. A segunda parada será o sábado 21 de febreiro ás 12.00 no Auditorio de Galicia, en Santiago.
Dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, Ao son da nova regueifa é unha viaxe audiovisual polo presente da improvisación oral en Galicia. O documental percorre distintos territorios para retratar as persoas e comunidades que están a manter viva esta tradición, poñendo o foco na súa capacidade de adaptación, transmisión e transformación no contexto contemporáneo.
A peza propón un relato coral no que a palabra improvisada aparece como ferramenta creativa, pedagóxica e comunitaria. Desde os espazos educativos ata os encontros culturais, o filme amosa unha práctica que continúa evolucionando grazas á implicación das novas xeracións e ao diálogo constante co pasado.
Estas novas proxeccións convértense así nunha oportunidade para seguir poñendo en valor un proxecto que reivindica a regueifa como patrimonio vivo e como expresión colectiva que continúa a construír identidade e comunidade no presente.
