‘Ao son da nova regueifa’ proxéctase na Semana do Cinema Galego

O documental formará parte da programación da sétima edición desta cita co audiovisual galego, continuando así o seu percorrido por festivais e ciclos, e achegando ao público unha mirada contemporánea sobre a improvisación oral en Galicia.
Regueifeiras e regueifeiros durante a rodaxe do documental. Fotografía: Aigi Boga.

O documental Ao son da nova regueifa, producido por Undodez, participará na programación da VII Semana do Cinema Galego, que terá lugar entre o 7 e o 10 de abril na Coruña. A proxección será o 9 de abril ás 21.00 na Domus, dentro dunha das citas máis destacadas do calendario audiovisual galego.

Impulsada pola Academia Galega do Audiovisual, a Semana do Cinema Galego constitúe un espazo de exhibición e encontro arredor das producións máis recentes e recoñecidas do noso cinema. Durante catro días, o público poderá achegarse a unha selección de oito filmes que reflicten a diversidade creativa do sector, desde a ficción ata o documental. A programación arrinca o 7 de abril no Teatro Colón con Sirat e As liñas descontinuas, continúa o día 8 con San Simón e Antes de Nós, e trasládase á Domus o 9 de abril con Deuses de Pedra e Ao son da nova regueifa. O ciclo pecharase o 10 de abril con O Silencio Herdado e 360 Curvas.

Neste contexto, Ao son da nova regueifa continúa o seu percorrido público tras a súa estrea no Culturgal e as posteriores proxeccións en distintos puntos do país. Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, o filme propón unha viaxe audiovisual polo presente da regueifa, unha práctica de improvisación oral que vive hoxe un proceso de revitalización e transformación.

A través dun percorrido que vai de Bergantiños a Vigo, o documental constrúe un relato coral no que conviven voces, xeracións e territorios. Regueifeiras e regueifeiros abren as portas ao seu mundo, amosando unha arte que dialoga entre tradición e contemporaneidade, entre o ámbito rural e urbano, entre a aprendizaxe herdada e os novos espazos pedagóxicos.

A peza pon o foco na dimensión colectiva da regueifa, entendida como unha ferramenta creativa, social e identitaria. A través de testemuñas, música e versos improvisados, o filme traza un retrato vivo dunha práctica que continúa evolucionando grazas á comunidade que a sostén.

A súa presenza na Semana do Cinema Galego supón unha nova oportunidade para seguir compartindo este proxecto co público, nun contexto que celebra o talento e a capacidade do audiovisual galego para contar historias conectadas coa nosa realidade cultural.

Portada » Caderno » ‘Ao son da nova regueifa’ proxéctase na Semana do Cinema Galego