‘Ao son da nova regueifa’ proxéctase no Festival MARCO de Vedra

O vindeiro venres 8 de maio, o Centro Sociocultural de Vedra acollerá a proxección do documental. A cita insírese na programación dunha mostra que conecta arquitectura, territorio e creación contemporánea. Os directores do filme, Manolo Maseda e Saúl Rivas, estarán presentes na sesión.
Saúl Rivas e Manolo Maseda durante a presentación de 'Ao son da nova regueifa' en Santiago. Foto: Aigi Boga

O documental Ao son da nova regueifa continúa o seu percorrido público cunha nova parada en Vedra, onde será proxectado dentro da programación do Festival MARCO. A sesión terá lugar o venres 8 de maio ás 12.30 no Centro Sociocultural, integrándose nun programa que combina reflexión, práctica e creación arredor do rural.

Impulsado pola Asociación Cultural MARCO, o festival celebra a súa segunda edición entre os días 8 e 10 de maio cun formato que afonda na relación entre arquitectura, cultura e comunidade. Lonxe de configurarse como un encontro estritamente académico, a proposta articúlase como un espazo aberto no que profesionais, artistas e veciñanza comparten experiencias, coñecementos e procesos creativos. Nesta edición, o foco sitúase na cultura etno-pop e na arquitectura da auga, con especial atención aos muíños como espazos de memoria e de activación contemporánea.

Neste contexto, a presenza de Ao son da nova regueifa dialoga de maneira directa co espírito do festival. Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, o filme propón unha viaxe polo presente da regueifa, explorando as conexións entre a tradición oral e as súas formas actuais de expresión. A través dun percorrido que atravesa Galicia, o documental constrúe un relato coral no que participan regueifeiras e regueifeiros de distintas xeracións, poñendo en valor a diversidade e a vitalidade desta práctica.

A peza aborda a regueifa como unha arte en transformación, situada entre a herdanza e a innovación, entre o rural e o urbano, entre a transmisión oral e os novos espazos pedagóxicos. Verso improvisado, música e testemuñas persoais rematan entrelazándose para dar forma a un retrato poliédrico dunha tradición que continúa a reinventarse no presente.

A proxección forma parte do bloque ADREDE (Arte e Deseño en Rede), un dos eixos do festival, no que se integran propostas artísticas, exposicións e accións que reinterpretan o territorio desde linguaxes contemporáneas. A presenza dos directores na sesión permitirá, abrir un espazo de encontro co público arredor do proceso creativo e das cuestións que atravesan o documental.

Con esta nova proxección, Ao son da nova regueifa segue consolidando o seu percorrido en festivais e ciclos, reforzando o seu papel como ferramenta para a difusión e actualización dunha das expresións máis singulares da cultura oral galega.

Portada » Caderno » ‘Ao son da nova regueifa’ proxéctase no Festival MARCO de Vedra

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.