A cabalgata dos Reis Magos en Cambados contou o pasado venres cun convidado de luxo: Xurxo, un dos protagonistas de ‘Bechos’, a nosa serie de animación para primeiros espectadores dispoñible na canle de Youtube da TVG, na app do Xabarín e na web da CRTVG.
O noso xabarín acompañou as maxestades de Oriente no seu paseo pola vila e repartiu 40 kilos de caramelos entre pequenos e maiores. Ademais da cabalgata polo centro de Cambados, o noso Xurxo agasallou con pegatinas de ‘Bechos’ á rapazada que se achegou á recepción que se lle deu aos Reis no Auditorio da Xuventude na primeira hora da tarde.
Esta acción únese aos tres paseos que deu nos últimos meses Xurxo pola Coruña, Santiago e Carballo, onde tamén repartiu pegatinas da serie para dala a coñecer entre o público. Esta aposta de Undodez e a Televisión de Galicia por ofrecer contidos en galego para cativada de entre 3 e 6 anos ten como protagonistas catro animaliños (Xurxo, Catuxa, Xiana e Margarida) cos que aprender valores como a amizade, o respecto polo medio natural, a xestión das emocións ou a importancia de compartir e reciclar.