Xabarin.gal amplía a súa oferta de debuxos en galego para as máis cativas e os máis cativos cunha segunda temporada de Bechos. A plataforma de contidos de entretemento infantil da Televisión de Galicia ofrece xa dez novos episodios da que foi unha das grandes estreas da plataforma no seu lanzamento.
O xabarín Xurxo, a raposa Catuxa, a vaca Margarida e a toupa Xiana chegaron entón ás pantallas das familias galegas, que atoparon por fin un contido en galego, producido en Galicia, e pensado para poñer en valor temas como o coidado da natureza ou a amistade.
Ás dez aventuras iniciais súmanse agora outras tantas, cos mesmos protagonistas pero novos escenarios. O público infantil recoñecerá, de novo, nas voces dos personaxes de Bechos a actores como Xosé A. Touriñán, no papel de Xurxo.
Escrita por Saúl Rivas e dirixida por Laura Mahía, a serie conta co equipo habitual de Undodez nos seus proxectos de animación: Santi Jul e Iván Laxe na ambientación sonora, Laura Pazienza Signo na dirección de produción, e un equipo de animadoras e animadores galegos formado por Nacho Laya, Lucía Rodríguez, Tatiana Santiago e Amanda Janeiro.
Moitas nenas e nenos coñecen xa aos protagonistas de Bechos despois de que, con motivo do seu lanzamento no 2023, Undodez realizara unha intensa campaña de promoción, cunha gran estrea no festival Castelo Conta, ou paseos dos personaxes polas rúas das principais cidades galegas polo Nadal.
Desta volta, o xabarín Xurxo participou o pasado mes de maio na gala anual do Dígocho Eu, acompañando a Robin, un dos protagonistas de Bibopalula, e durante o verán están previstas novas accións para animar ao público a desfrutar da nova temporada.
