Carballo acolle a primeira proxección do documental ‘Ao son da nova regueifa’ tras a súa estrea

O documental inicia unha nova etapa de exhibición pública, achegándose agora a un dos territorios clave da improvisación oral en Galicia.
Rodaxe de 'Ao son da nova regueifa'. Fotografía: Aigi Boga

O Pazo da Cultura de Carballo acollerá, este sábado 10 de xaneiro, a primeira proxección do documental Ao son da nova regueifa tras a súa estrea o pasado 28 de novembro no Culturgal. O pase está programado para as 12.00, dentro das actividades pensadas para a quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, promovidos por La Voz de Galicia.

A elección de Carballo como punto de partida desta nova etapa para a proposta non é casual. A localidade, ademais de ser recoñecida como un dos grandes berces da regueifa, acolle ese mesmo día a gala anual que celebra e visibiliza a improvisación oral galega, reunindo referentes históricos, novas voces e escolas de regueifa de todo o país. Neste contexto, o documental intégrase como unha peza máis dun encontro pensado para poñer en valor unha tradición viva e en constante transformación.

Dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, con realización de Jairo Iglesias e dirección de produción de Laura Canto, Ao son da nova regueifa é unha viaxe audiovisual polo presente da improvisación oral en Galicia. O filme percorre distintos territorios para acompañar ás regueifeiras e regueifeiros que están a redefinir esta práctica, establecendo un diálogo continuo entre xeracións, espazos e maneiras de aprender e transmitir.

O documental propón un relato coral no que a palabra improvisada funciona como eixo creativo, social e identitario. Desde os obradoiros e espazos educativos ata os encontros comunitarios e os escenarios culturais, a peza amosa como a regueifa se mantén viva grazas á comunidade que a sostén, adaptándose aos tempos sen perder a súa esencia.

A proxección en Carballo supón unha nova oportunidade para achegar este traballo ao público nun contexto especialmente ligado á tradición que retrata. Tras esta cita, Ao son da nova regueifa continuará o seu percorrido por distintos espazos, que se irán anunciando proximamente, co obxectivo de seguir difundindo e compartindo a realidade da regueifa contemporánea.

Portada » Caderno » Carballo acolle a primeira proxección do documental ‘Ao son da nova regueifa’ tras a súa estrea