Os últimos proxectos audiovisuais en produción e desenvolvemento de Undodez forman parte do catálogo anual da Xunta de Galicia para a comercialización de contidos fóra das nosas fronteiras. A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo público esta semana o seu catálogo Films From Galicia, que cada ano recolle as principais novidades no audiovisual do noso país, ao que suma un vídeo promocional que leva aos grandes mercados internacionais.
Dous proxectos xa lanzados, e tres en desenvolvemento
O catálogo recolle cinco producións de Undodez, entre as que se atopan dúas xa estreadas. Trátase da serie de animación Bibopalula, que pode verse a través de Xabarin.gal desde o pasado mes de novembro, e do documental Mulleres de Castelo, estreado o pasado verán no festival Castelo Conta, e que na actualidade percorre distintos festivais internacionais.
En canto aos proxectos en desenvolvemento, na publicación están as series de ficción Mar de Fóra, creada por Xosé A. Touriñán, Xosé Castro e Andrés Mahía, e Lola, Porco & Paco, un produto de animación para adultos que escribe Laura Mahía. O documental Alan Lomax andou por aquí, de Saúl Rivas e Borja Casal, é outro dos proxectos que recolle o catálogo.