‘Nena’, ‘Bechos’, ‘Fai tempo’ e ‘Amigos hasta la muerte’, finalistas nos Premios Mestre Mateo

Os premios da Academia Galega do Audiovisual deron a coñecer os nomes das producións e profesionais que optarán aos galardóns nesta XXII edición dos Mestre Mateo.
David Perdomo e Xosé A. Touriñán nun fotograma de 'Nena'

Os intérpretes Lucía Veiga e Denís Gómez foron os encargados de dar a coñecer os nomes das producións e profesionais finalistas da XXII edición dos Premios Mestre Mateo. En total, 173 producións optaban aos premios nas 25 categorias dos premios do audiovisual galego. Undodez participa este ano con catro producións e as catro optarán a un Mestre Mateo en catro categorías diferentes.

Nena‘ opta ao galardón a Mellor Curtametraxe. A curtametraxe dirixida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias, e protagonizada por Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Touriñán competirá con ‘Antes de que se poña o sol’, ‘O coidado’, ‘O neno sardiña’ e ‘Ulises’ por facerse co Mestre Mateo.

Na categoría de Mellor Videoclip atopamos ‘Fai tempo’, o videoclip para The Rapants que dirixiu Anxo Beiro como avance do disco ‘O corasón como un after’. Comparte nominación con ‘A pequena morte’ de Caamaño & Ameixeiras, ‘Oliveira dos cen anos’ de C. Tangana e ‘Ruando Crónicas d’Ardén-cap 2’ de Mondra.

A nosa primeira produción de animación infantil, ‘Bechos‘, competirá na categoría de Mellor Serie Web. Esta produción para a Televisión de Galicia conta cos deseños de Laura Mahía e as voces de Touriñán, Laura Canto, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Laura Mahía. O resto de producións nominadas nesta categoría son ‘A arte de ser mal pai’, ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós’ e ‘Terapia de’.

Por último, Javi Lopa obta ao galardón a Mellor Dirección de Produción polo seu traballo en ‘Amigos hasta la muerte’, longametraxe coproducida con MedioLimón e Onírica e que logo do seu paso polos cinemas de todo o Estado, está dispoñible en Prime Video. Completan a listaxe de nominados Ana Míguez por ‘Rapa’, José Alberto Fuentes por ‘O Corno’ e Nati Juncal por ‘Matria’.

Moita sorte a todos os participantes, vémonos na festa do audiovisual galego!

Portada » Caderno » ‘Nena’, ‘Bechos’, ‘Fai tempo’ e ‘Amigos hasta la muerte’, finalistas nos Premios Mestre Mateo