‘Na Gloria’ chegará en febreiro a AGalega

A serie está protagonizada por Cristina Castaño, Touriñán, Dani Rovira, Lucía Veiga e David Perdomo. Esta comedia, producida por TEX45 e Undodez, estrearase na nova canle dixital da Televisión de Galicia.
Dani Rovira e Touriñán en 'Na Gloria'. Foto: Aigi Boga

A vida na Gloria, unha pequena localidade ao pé do Camiño Francés, altérase cando Pati, unha alta executiva en plena crise existencial, decide darlle un cambio radical á súa vida establecéndose alí. O seu obxectivo é converter a vella casa dos avós nun establecemento hostaleiro destinado aos peregrinos que busquen o equilibrio interior e o crecemento espiritual. Para levar a cabo o seu soño conta con Bertín, o seu mellor amigo que é tamén un estrito chef vegano de fama internacional.

A Gloria de Arriba sempre foi o lugar máxico dos veráns da súa infancia, o sitio no que a natureza e a vida pausada da xente enchían de sentido a existencia. Agora Pati quere recuperar esas sensacións e compartilas con todos os camiñantes que busquen descanso no seu idílico oasis de paz. Pero non vai tardar en descubrir que os cálidos días de verán non duran todo o ano, que o camiño espiritual dos peregrinos ten ben pouco de espiritual, que Bertín non só é estrito co veganismo e, sobre todo, que a convivencia coas xentes sabias e pausadas do rural é máis estresante que a do competitivo mundo dos negocios ao que acaba de renunciar.

O inferno que atopará Pati en A Gloria ten caras e nomes: señoras que o queren saber todo, habituais da taberna que presumen de sabelo todo, un matrimonio interesado e argallador -Paca e Waldo-, un vello revirado e supostamente inválido e, por riba de todos, Lolo, un brután que a fai tolear en todos os sentidos, para ben e para mal, para a súa desgraza e felicidade.

Na Gloria’ é un proxecto orixinal de Xosé Antonio Touriñán, Andrés Mahía e Xosé Castro. A serie, de humor costumista e surrealista, está formada por episodios de 15 minutos de duración e dirixida ó público familiar. É unha aposta para o público de entre 30 e 40 anos que consume ficción na OTT, aínda que conservando parte dos elementos e referencias que fixeron triunfar series cun público máis maior na televisión. 

Andrés Mahía dirixe este proxecto realizado por Jairo Iglesias e gravado en escenarios naturais. ’Na Gloria’ está protagonizada por Cristina Castaño, Xosé A. Touriñán, Lucía Veiga, David Perdomo e Dani Rovira. É un formato pensado para o seu consumo á carta e súa estrea será a principios de febreiro na recén presentada canle OTT da Televisión de Galicia; A Galega.

Portada » Caderno » ‘Na Gloria’ chegará en febreiro a AGalega

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.