Presentamos en Galicia ‘Amigos hasta la muerte’

Ourense foi o escenario da preestrea galega de ‘Amigos hasta la muerte’, primeira longametraxe de Javier Veiga como director e guionista. A este pase acudiron actores, equipo técnico da película, representantes das institucións públicas e empresas privadas patrocinadoras do film así como unha representación da veciñanza ourensá.

Foto: Aigi Boga

O Teatro Principal de Ourense acolleu a presentación en Galicia de Amigos hasta la muerte, o debut como director e guionista dunha longametraxe de Javier Veiga, quen tamén protagoniza a película xunto a Marta Hazas e Mauricio Ochmann. Esta coprodución internacional de Medio Limón, Undodez e Onírica Films foi filmada na súa maior parte na cidade de Ourense e a súa contorna no pasado verán.

Á presentación acudiu gran parte dos actores do filme, así como membros do equipo técnico e representantes das  institucións que apoiaron a produción. Polo photocall instalado no praza de Santa Eufemia pasaron Xosé A. Touriñán, David Amor, Luna Gallego, Óscar Allo, Patricia Castrillón ou Mela Casal. Tamén pousaron para os reporteiros gráficos os representantes das institucións públicas e empresas privadas que apoiaron esta produción: Jacobo Sutil, director da Agadic, que participou da produción a través do programa Hub Audiovisual Industria Creativa, dotado con Fondos Feder; Xosé M. Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Fernando Ojea, director da área de contidos da Televisión de Galicia; Gonzalo Pérez Jácome, Alcalde de Ourense e Goretti Castro, responsable de cultura, gastronomía e proximidade de Estrella Galicia.

Xa no interior do Teatro Principal, Javier Veiga agradeceu ás institucións o seu apoio e ás veciñas e veciños de Ourense o gran cariño que deron ao equipo da película durante toda a rodaxe. O director agardaba poder ver as reaccións do público galego logo de ver a boa resposta que tivo o asistente ao Festival de Málaga. A película fixo rir ao público galego e tamén mantivo a tensión ata o final. Amigos hasta la muerte é unha comedia con drama das que deixa boas sensacións no espectador, algo que o público de Ourense xa puido comprobar.

Logo desta presentación en Galicia, a película chegará aos cines españois despois do verán.

Portada » Caderno » Presentamos en Galicia ‘Amigos hasta la muerte’