‘Bechos’ e ‘Ao noroeste do oeste’, gañadores nos XXIV Premios Mestre Mateo

Undodez foi recoñecida na XXIV edición dos Premios Mestre Mateo polos seus traballos nas categorías de serie web e anuncio publicitario, reafirmando a súa presenza nunha das grandes citas do audiovisual galego. A gala celebrouse o pasado sábado no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo.
O equipo de 'Bechos' co Premio Mestre Mateo na categoría de 'Mellor serie web'. Fotografías: Aigi Boga, Pacrispa, Andrea Morandeira e Bego Pérez.

A XXIV edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual deixou dous recoñecementos para Undodez. A serie web Bechos foi distinguida como Mellor serie web, mentres que Ao noroeste do oeste acadou o premio a Mellor anuncio publicitario, nunha gala que volveu reunir ao conxunto do sector audiovisual galego.

No caso de Bechos, o galardón supón un paso máis na traxectoria dunha proposta de animación infantil que aposta por contidos en galego dirixidos ás primeiras idades. A serie, producida para a Televisión de Galicia, constrúe un universo próximo e recoñecible no que se combinan historias sinxelas con valores como a amizade, o respecto pola contorna e a curiosidade polo mundo.

Pola súa banda, Ao noroeste do oeste, realizado en colaboración con Medio Limón, foi recoñecido como Mellor anuncio publicitario. A peza, creada para a promoción da cidade da Coruña, propón unha mirada singular sobre o territorio, combinando identidade e un relato que reivindica, a través do humor, que ninguén é forasteiro nunha cidade aberta e acolledora. 

A gala deixou tamén momentos especialmente emotivos, como a lembranza de profesionais do sector e a entrega do Premio de Honra a Rosa Moledo, nunha noite que puxo en valor o compromiso colectivo co audiovisual galego e coa súa lingua.

Nunha edición marcada pola forza de producións como Sirāt, de Oliver Laxe, e Antes de nós, de Ángeles Huerta, que concentraron boa parte do palmarés, os premios volveron evidenciar a diversidade e madurez dun sector en constante evolución.

Undodez contaba nesta edición con sete candidaturas finalistas, con presenza en categorías como documental, con Ao son da nova regueifa; serie de televisión e música orixinal, con Bibopalula; serie web con Pipo e a gañadora, Bechos; e anuncio publicitario, con Historia que nos impulsa e tamén o premiado Ao noroeste do oeste. Unha representación que reflicte a variedade de formatos e públicos cos que traballa a produtora.

Os dous galardóns acadados insírense así nun contexto no que o audiovisual galego continúa medrando desde a colaboración, a creatividade e o compromiso coa cultura propia. Desde Undodez, estes recoñecementos son tamén unha forma de celebrar a pertenza a un sector que segue a construír relato, identidade e cultura desde Galicia.

Portada » Caderno » ‘Bechos’ e ‘Ao noroeste do oeste’, gañadores nos XXIV Premios Mestre Mateo