O formato de humor ‘Catro Gatos’, dirixido por Xosé A. Touriñán e protagonizado por el mesmo xunto con David Perdomo, Fátima Pego e Noemi Rodríguez, xa está dispoñible en AGalega. Os seus 13 episodios de 25 minutos de duración, estreados no 2022 e producidos por Tex45 producións para a Televisión de Galicia en colaboración con Undodez, xa se poden ver na nova plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG.
Os capítulos de ‘Catro Gatos’ xiran arredor de catro amigos que se reúnen nun bar para falar da vida, vivencias persoais e inquedanzas. Cada un deles lembra anécdotas que dan paso a sketchs, nos que os actores interpretan diferentes personaxes e onde a comedia está sempre presente.
Coa súa inclusión en AGalega, que reúne máis de 1.400 contidos audiovisuais entre os que se contan longametraxes e series de primeiro nivel en lingua galega, ‘Catro Gatos’ encontra unha nova ventá para chegar a máis espectadores e que estes poidan seguir gozando das risas que ofrecen os seus protagonistas.
Un programa de humor para os domingos
‘Catro Gatos’, cuxos guións están escritos por José L. Prieto, Manuel Cortés, David Perdomo e Xosé A. Touriñán, viu a luz no 2022 como un programa de humor para a última hora dos domingos. O traballo do realizador Jairo Iglesias nesta produción foi recoñecido co premio Mestre Mateo na XXI edición. O resto do equipo complétase con boa parte dos profesionais habituais de Undodez, mantendo sempre a aposta de contar con traballadores do país para producir contidos en galego para o público galego.