A nova edición do catálogo Films from Galicia, impulsado pola AGADIC no marco do programa de internacionalización do sector audiovisual, volve situar a produción galega nos principais mercados internacionais. A publicación, editada en inglés e acompañada dun vídeo promocional, recolle cada ano unha selección de proxectos representativos da diversidade e da capacidade creativa da industria do país.
Nesta ocasión, o catálogo incorpora dúas producións de Undodez:
Por unha banda, inclúese Lola, Porco & Paco, unha serie de animación para público adulto que propón unha comedia irreverente e crítica sobre a sociedade contemporánea. A través da historia dun mozo que non atopa o seu lugar no mundo, da súa ex parella e dun peculiar amigo (un porco que fala), o proxecto constrúe unha mirada transgresora sobre as relacións persoais, a precariedade vital e as contradicións da vida adulta.
Pola outra, o catálogo recolle tamén o documental Ao son da nova regueifa, unha obra que explora a transformación e revitalización desta tradición de improvisación oral. A través dunha viaxe polo territorio galego, o filme achega ao público as voces de regueifeiras e regueifeiros contemporáneos, poñendo en diálogo tradición e modernidade e trazando un retrato coral dunha arte viva, diversa e en constante evolución.
A presenza destas dúas producións nunha plataforma de promoción internacional como Films from Galicia supón un novo paso na proxección exterior do audiovisual galego e confirma a capacidade do mesmo para dialogar co mundo sen renunciar ás súas raíces culturais e lingüísticas.
