O Celtic Media Festival, un dos acontecementos máis destacados do audiovisual europeo, anunciou onte as candidaturas dos seus premios anuais aos mellores traballos da radio e a televisión das nacións e rexións celtas. Dous dos proxectos de Undodez, a serie Na Gloria e o programa Recollendo Músicas, están entre os finalistas.
Na Gloria, a comedia creada por Xosé A. Touriñán, Xosé Castro e Andrés Mahía coa que se estreou a plataforma de contidos dixitais da Televisión de Galicia, AGalega.gal, aspira ao premio na categoría de Drama Series. Competirá con An Clò Mòr (BBC Alba), Beyond Paradise (BBC One), Crá (TG4), Float (BBC Scotland iPlayer), Lost Boys and Fairies (BBC1 Wales) e The Boy That Never Was (RTÉ One).
Pola súa banda, o programa Recollendo Músicas, dirixido por Saúl Rivas e Borja Casal, é finalista na categoría Arts, e compite contra os formatos Ceòl-Sìth (BBC Alba), Inis Meáin: Idir Dhá Linn (TG4), Kerdroya and the Cornish Hedge, Siân Phillips at 90 (BBC1 Wales), Ó Bhéal (TG4) e The Geneva Window – Through a Glass Darkly (Oireachtas TV).
Os premios entregaranse o 5 de xuño en Newquay (Cornualles), no marco da 46ª edición do festival.