En Undodez levamos anos traballando desde unha idea sinxela pero esixente: a cultura constrúese a longo prazo. Non só a través dos resultados visibles, senón tamén dos procesos, das decisións cotiás e da maneira de relacionarnos coas persoas, e co territorio.
Desde a ficción á animación, pasando polo documental, os contidos infantís ou a divulgación cultural, Undodez viviu doce meses marcados polas estreas, os premios, a proxección internacional e o desenvolvemento de novos proxectos que debuxan o futuro inmediato da produtora. As nosas propostas seguiron desenvolvéndose desde a continuidade, asentándose en programacións, contextos educativos e espazos culturais diversos.
Un ano de premios e recoñecementos
Un dos grandes fitos do 2025 chegou no mes de marzo, cando Recollendo Músicas foi recoñecido co Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa. Dirixido por Saúl Rivas e Borja Casal, o formato explora a pegada da música de raíz e da tradición oral galega nas músicas actuais, poñendo o foco nas artistas e formacións que manteñen vivo ese patrimonio desde linguaxes contemporáneas. O galardón supuxo un importante recoñecemento ao traballo dun equipo que entende a cultura como espazo de escoita, respecto e aprendizaxe colectiva.
Ese non foi o único recoñecemento: Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, recibiu o Premio Deleite á promoción da lingua, outorgado pola Academia Galega do Audiovisual no marco dos Premios Mestre Mateo, destacando o seu compromiso coa creación de contidos de calidade para as primeiras idades na nosa lingua.
Ao longo do ano, proxectos de Undodez sumaron tamén nominacións e candidaturas en citas como os propios Premios Mestre Mateo, os Premios AGalega.gal ou festivais internacionais como o Celtic Media Festival, onde Na Gloria e Recollendo Músicas foron finalistas.

Estreas que marcan o ano
O 2025 estivo marcado por varias estreas relevantes. Un dos momentos máis sinalados foi a estrea de Ao son da nova regueifa no Culturgal. Este documental propón unha viaxe pola regueifa contemporánea, trazando pontes entre tradición e modernidade a través das voces das regueifeiras e regueifeiros que están a redefinir esta arte da improvisación oral en Galicia. Un proxecto que reivindica a palabra, a música e a comunidade como espazos vivos e en constante transformación.
No eido do público infantil e familiar, Pipo estreouse no festival Castelo Conta 2025 e chegou tamén a Xabarin.gal. A serie conta a historia de Berta e dun pequeno extraterrestre que irrompe no seu día a día, convertendo o cotián nunha aventura chea de humor, tenrura e descubrimentos.
Bechos tamén regresou con forza, sumando dez novos episodios que están dispoñibles en Xabarin.gal, consolidándose como unha das propostas de animación para primeiras idades feitas en Galicia.
Bibopalula: un universo en expansión
Se houbo un proxecto especialmente prolífico ao longo do ano foi Bibopalula. Ademais de novos episodios en Xabarin.gal, a Banda do Bosque deu o salto internacional coa distribución global da súa música da man de Animotion Media e coa distribución internacional da serie a través de Digitoonz Spain.
O universo Bibopalula expandiuse tamén máis alá da pantalla: presenza na Cabalgata de Reis Magos, lanzamento da panxoliña Ninguén canta mal polo Nadal, desenvolvemento da app do proxecto e participación en mercados internacionais como o Kidscreen Summit de San Diego, onde Undodez foi a única empresa galega presente na delegación española.
Nena: unha viaxe imparable
Outro dos grandes nomes do ano foi Nena. A curtametraxe escrita e codirixida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias continuou durante o 2025 unha viaxe extraordinaria por festivais nacionais e internacionais, acumulando máis de cincuenta seleccións e máis de vinte premios. Ademais, a súa estrea en AGalega permitiu que o filme chegase a un público aínda máis amplo, consolidándose como unha das curtas galegas máis destacadas dos últimos anos.
Presenza en mercados e novos proxectos
O 2025 foi tamén un ano de forte presenza en festivais e mercados profesionais: Kidscreen Summit (San Diego), Series Mania Forum (Lille), Cartoon Forum (Toulouse), Carballo Interplay ou Castelo Conta, entre outros. Espazos clave para compartir proxectos, establecer alianzas e seguir situando a creación audiovisual galega no mapa internacional.
Paralelamente, avanzamos no desenvolvemento de novos proxectos como Lola, Porco & Paco, unha serie de animación para adultos presentada no Cartoon Forum; Mulleres que contan ou Mulleres en rede que amplían as liñas de traballo da produtora arredor da ficción, a animación e o documental social.
Mirando cara adiante
Con máis dunha década de traxectoria, Undodez pecha o 2025 reafirmando un xeito de facer baseado no coidado dos procesos, na innovación e no compromiso coa cultura e coa lingua galega. Un ano de creación intensa, de recoñecementos importantes e de novos camiños abertos que apuntan a un futuro no que seguir contando historias nas que cremos, sempre da man das creadoras e creadores, dos equipos técnicos, das entidades profesionais que confían no noso traballo e, sobre todo, do público que acompaña cada proxecto.
